2/21/2025

Acondicionamento do “Campo de Arriba” do noso cole

 Dende fai moito tempo un espazo verde sen moito máis que mala herba e algunhas árbores salpicadas atopábase no corazón do noso colexio. Parecía un simple recuncho natural, pero na visión de profesores, pais, nais e membros da comunidade educativa, este espazo tiña un potencial inmenso. Nestes días, ese mesmo lugar comezou a transformarse nun emocionante patio vivo onde os nosos nenos e nenas non só xogan, senón que tamén exploran, aprenden e conéctanse coa natureza dunha maneira moi especial.



O proxecto comezou cunha idea simple pero poderosa: crear unha contorna educativa que fóra máis aló das aulas tradicionais. O obxectivo era brindar ao alumnado a oportunidade de aprender e desenvolverse interactuando co medio natural, xogar mentres se promoven habilidades sociais, físicas e cognitivas. Estes elementos non só están pensados para o xogo, senón para que a cativada desenvolva habilidades motoras, coordine movementos e, sobre todo, se divírtan de maneira saudable. Este patio verde non só será un espazo de recreo, senón un lugar dinámico que fomenta a aprendizaxe ao aire libre, unha tendencia educativa que cobra vida a través destes patios dinámicos e, o mais importante, aprender xogando que é a maneira natural que teñen as infancias de formarse.



                                                                    Fotos Faro de Vigo

Co compromiso do profesorado e o apoio da Anpa, os mestres e mestras comezaron a traballar no deseño e a planificación deste espazo. En lugar dun simple terreo verde, crearíase un espazo multifuncional e educativo: un patio natural con elementos de madeira desestructurados que convidasen ao xogo creativo, que fomentasen a imaxinación, a exploración, a curiosidade e a aprendizaxe en contacto directo co medio. Despois de meses de reunións e formacións, esta semente comeza a dar os seus froitos.






Agora os profesores/as poden incorporar esta contorna como un recurso máis nas súas leccións. ¿Cómo de divertido pode ser aprender ciencias naturais in situ? Este será o lugar onde as leccións cobran vida. Estamos seguros que a partires de agora estudar a biodiversidade das plantas, os insectos, ou mesmo levar a cabo pequenas investigacións como o ciclo da auga ou crecemento vexetal será fascinante . Este enfoque práctico non só enriquece o ensino, senón que tamén motiva aos estudantes a participar activamente no seu propio proceso de aprendizaxe.




Este cambio non foi fácil e moito menos rápido, pero sí é o resultado dun traballo en equipo no que, dende a directiva da Anpa, queremos agradecer enormemente o tesón do profesorado e a colaboración da Comunidade de Montes de Coiro pola súa implicación, a doazón de toda a madeira e o gran traballo para colocar todo como estaba previsto.

Pero este é só o comezo. Aínda que xa estamos a ver como os nenos/as gozan deste cambio, todo o espazo exterior do cole irá evolucionando con novas ideas, melloras xa en mente e outras iniciativas que temos no horizonte.