Contos de medo no Samain


Casa K vai celebrar o Samaín cunha sesión especial de “Contos de medo”, este sábado 2 de novembro a partir das 12:00 horas, con entrada libre e de balde. O suspense, a emoción e os sustos serán os ingredientes dos relatos infantís que conformarán o repertorio:
O protagonista de  “Gato Guille e os monstros”, de Rocío Martínez, está atemorizado polos estraños sons que sente na súa casa: os ruídos do ascensor, da lavadora ou da cisterna convértense en terribles mostros na súa imaxinación.
O clásico de Tomi Ungerer “Os tres bandidos” envolverá o ambiente de perigo para narrar as aventuras de tres asaltadores de carruaxes armados cunha machada vermella, un trabuco e un fol de pementa.
Pero todos os medos teñen solución grazas a “Sacapenas”, un álbum de Anthony Browne co que aprendemos un sinxelo remedio para combater as preocupacións. Precisamente, esta sesión de “Contos de medo” rematará cun obradoiro de confección de pequenos bonecos sacapenas utilizando materiais sinxelos, como papel e lapis de cores.


Design Downloaded from free blogger layouts | free flash templates | vectors art download | Free Icons Download.