12/16/2025

Carroza de Reis 2026

 Invitación ás familias


Carroza de Reis 2026

Queridas familias,

O noso colexio, a través da ANPA, xa está a preparar a carroza de Reis Magos deste ano e queremos convidarvos a formar parte deste evento tan especial.  

Esta vez, baixo o título “Doce Nadal” recrearemos unha carroza chea de lambetadas, bastóns de caramelos e galletas de xenxibre.


A participación das familias é fundamental para facer desta actividade un verdadeiro momento de ilusión para os nosos pequenos/as. Asegurámosvos que os seus sorrisos ese día fan que o esforzo de elaborala mereza a pena.


Como podedes colaborar:

- Axudando na elaboración e decoración da carroza. Comezaremos  unha vez remate o cole, normalmente imos entre semana en horario de tarde ao pabillón do cole.

- Proporcionando materiais ou elementos decorativos, case todo o que empregamos soe ser reciclado.

- Axudando na elaboración dos disfraces.

- Axudando na petición de caramelos polos establecementos de Cangas.


Temos un grupo de whatsapp aberto para que todas aquelas familias que queiran formar parte poidan unirse a nós ou preguntar as dúbidas que teñan ao respecto.

O único que requerimos é que para que calquera neno/a poida ir dentro da carroza lanzando caramelos debe de haber colaboración, de algún xeito ou outro, por parte de algún dos proxenitores ou familiar. Outra opción sempre pode ser ir desfilando a pé detrás da carroza.

A DIRECTIVA DA ANPA


11/20/2025

CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE XOGUETES


CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

CUNHA CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE XOGUETES.


Neste día adicado a lembrar que todos os nenos e nenas teñen dereito a crecer felices, seguros e respectados, dende a ANPA queremos sumar un xesto que fale de empatía e de comunidade.

Poñemos en marcha, a partir de hoxe e ata o día 18 de decembro, unha recollida Solidaria de Xoguetes, unha oportunidade para compartir un anaquiño de ledicia con outros pequenos/as que o precisan. Cada xoguete doado é moito máis que un obxecto, é unha invitación ao xogo, á imaxinación e á esperanza.

Do mesmo xeito, non queremos esquecernos da rapazada adolescente polo que tamén recollemos libros, xogos de mesa, material electrónico ou accesorios que poidan motivalos e facelos sentir que tamén importan. 

Animámosvos a revisar na casa eses xoguetes, material escolar ou mesmo complementos de moda que xa non se usan pero que seguen en bo estado e merecen unha segunda vida. Entre todos podemos encher outras infancias de luz e sorrisos.


📆 Datas: 20 novembro-18 decembro

(1°envío: 12 decembro)

 📍 Punto de recollida: CEIPP Castrillón


Grazas de corazón por participar e por ensinar aos nosos nenos e nenas que a solidariedade tamén se aprende e se practíca.


ANPA Fornobedo






11/17/2025

EVENTOS SEMANA 17-23 NOVEMBRO

 

MARTES 18 

- Presentación "A Dama de Anboto" na Biblioteca de Coiro 

Contaremos coa visita do escritor Rober H. L. Cagiao para presentar a súa última novela, titulada "A dama de Anboto". 

O autor estará acompañado por Eva Cameán , bookstagramer e propietaria de Clarión Libraría en Carballo (A Coruña).

https://anpafornobedo.blogspot.com/2025/11/presentacion-libro-na-biblioteca-do-cole.html

HORA: ás 16:30h
ONDE: Salón de actos do CEIPP Castrillón

🎟️ Entrada libre e gratuíta



MÉRCORES 19

- Obradoiro de educación sexual e diversidade afectivo-sexual

 Trataranse casos reais, tamén e posibles maneiras de saber como abordar o tema coas nosas crianzas e como reaccionar. Un obradoiro xestionado pola Federación de ANPAs A Gameliña.

Hora: 17;30h
Onde: Casa da Bola
Quen: Noelia Moreau, educadora social, axente de igualdade e sexóloga de Con mucho gusto.
Canguraxe: https://forms.gle/Fd4VMfVfrwE6Gwht9

🎟️ Entrada libre e gratuíta



VENRES 21

- Contacontos "Principas e princesos" de Pablo Sánchez (Pabísimo) organizada pola Federación de ANPAs A Gameliña.

Cando: Venres 21 ás 17h
Onde: Na sala de exposicións do Auditorio de Cangas

🎟️ Entrada libre e gratuíta



- Contacontos "A Maleta"

Concello de Cangas e o Servizo de Normalización Lingüística celebran o Día Mundial da Infancia cun contacontos moi especial: "A maleta"

Unha historia chea de emocións, contada en galego e lingua de signos (LSE). Un conto sobre a diversidade, a empatía e o valor de mirar máis alá das aparencias.

Para nenos e nenas a partir de 5 anos, familias e público de todas as idades.



Hora: 18:00 h
Onde: Xardíns de Andrea (ou no vestíbulo do Concello se chove)


🎟️ Entrada libre e gratuíta




SÁBADO 22

- Obradoiro redes sociais na adolescencia

Dende a ANPA IES Rodeira queren convidarnos ó obradoiro sobre Redes sociais na adolescencia que van realizar este sábado e vai impartir Igualadas consultoria e formación.

HORA: ás 17:00h
ONDE: Na antiga Agraria de Cangas

🎟️ Entrada libre e gratuíta




Contacontos coas familias

 Un ano máis, animámosvos ás familias a vir contar contos ás clases de Ed. Infantil nas que están os vosos fillos e fillas. Tan só tedes que falar coa titora correspondente para concertar un día e unha hora para ir e pasar un intre agradable cos máis pequenos.

Animádevos a participar!



Presentación libro na biblioteca do cole

Presentación "A Dama de Anboto", con Rober Cagiao


Este martes contaremos coa visita do escritor Rober H. L. Cagiao para presentar a súa última novela, titulada "A dama de Anboto". 

O autor estará acompañado por Eva Cameán , bookstagramer e propietaria de Clarión Libraría en Carballo (A Coruña).

Non vos podedes perder esta cita, que terá lugar no salón de actos do CEIP Plurilingüe do Castrillón - Coiro o 18 de NOVEMBRO ás 16:30. É un evento aberto a profesorado, familias e público en xeral.

Contamos coa vosa asistencia!




10/14/2025

ASAMBLEA DE SOCIOS/AS

 



CONVOCATORIA XERAL ORDINARIA


        Pola presente, convócase a todas as familias socias da Anpa Fornobedo á Asamblea Xeral            Ordinaria de inicio de curso que se celebrará el venres 17 de outubro no salón de actos do            CEIP Plurilingüe Castrillón no seguinte horario:


1ª CONVOCATORIA:  17:00 HORAS

2ª CONVOCATORIA:  17:15 HORAS


ORDE DO DÍA

  1. Información académica por parte da Dirección do Centro.

  2. Presentación e renovación da directiva da Anpa.

  3. A Anpa e as súas funcións.

  4. Memoria anual de actividades do pasado curso.

  5. Peche de contas do pasado curso.

  6. Proposta de programación e aprobación para o curso 25-26.

  7. Proposta de presupostos e aprobación para o curso 25-26.

  8. Extraescolares e piscina.

  9. Carné de familias asociadas.

  10. Accións a través da Federación e Concello.

  11. Rogos e preguntas.

10/03/2025

VACANTES EXTRAESCOLARES

Tras estes primeiros días de extraescolares, informamos das actividades que aínda dispoñen de prazas para poder inscirbirse.


 LUNS

TAEKWONDO  (Alumnado de infantil + 1º e 2º primaria)

RITMO E BAILE  (Alumnado de infantil)

MANUALIDADES   (Alumnado de primaria)


MÉRCORES

MANUALIDADES   (Alumnado de infantil)

INGLÉS  (Alumnado de infantil)

CHISPAXENIOS   (Alumnado de infantil + 1º e 2º primaria)

TEATRO   (Alumnado de primaria)

TAEKWONDO   (Alumnado de primaria)

BAILE MODERNO   (Alumnado de primaria)

BALONCESTO   (Alumnado de 3º a 6º primaria)


XOVES

GAITA E PERCUSIÓN   (Alumnado de infantil + 1º e 2º primaria)

RÍTMICA  (Alumnado de infantil + primaria)

BALONCESTO  (Alumnado de 1º a  3º primaria)


VENRES

FUTBITO   (Alumnado de infantil  4 e 5 anos  + primaria)

KICK BOXING   (Alumnado de infantil + primaria)

ANIMAC. Á LECTURA E EMOCIÓNS    (Alumnado de infantil)

XADREZ   (Alumnado de primaria)

CÓMIC  (Alumnado de primaria)



Iremos actualizando esta listaxe periódicamente.

Para INSCRICIÓNS ou calquera información sempre podedes poñervos en contacto coa ANPA (687489558).

9/19/2025

OFERTA DE EXTRAESCOLARES INTERCENTRO (CENTROS PÚBLICOS DE CANGAS)

 

Como cada ano, facemos pública a oferta de actividades dos centros públicos de Cangas asociados á Federación de ANPAs A Gameliña.

Deste xeito, o alumnado que así o desexe, pode inscribirse a calquera das actividades destes centros sempre que haxa vacantes (priorizando ó alumnado do propio centro), sen pagar outra cota de familia asociada á ANPA.

Para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto con nós.


EXTRAESCOLARES SAN ROQUE

https://forms.gle/24Zn4SGxE3zxRger8


--------------------------------------------------------------------------------

EXTRAESCOLARES EN A RÚA

INSCRICIÓN ALUMNADO EXTERNO:
No seguinte formulario que estará activo dende xa ata as 10:00 horas do venres 19.


Só se xerará inscrición nas actividades solicitadas que teñan aforo dispoñible unha vez finalizada a inscrición do alumnado do CEIP A RÚA.

Enviarase un mail ca confirmación de inscrición a partir do luns 22.



--------------------------------------------------------------------------------------------

LISTAXE DE INSCRITOS NAS ACTIVIDADES DO CEIPP CASTRILLÓN-COIRO

 (LISTAXE ACTUALIZADO O DÍA 25 ÁS 14.00H)

Velaquí están as inscricións que recibimos a través do formulario que vos facilitamos.

Se vedes calquera erro ou queredes solicitar algún cambio podedes escribirnos ao whatsapp da ANPA ou ao correo electrónico ( anpacoiro@gmail.com ).

Iremos actualizando este documento cada día para que poidades cotexar que os cambios se produciron correctamente.

Animamos a inscribirse en aquelas actividades que non chegan ao grupo mínimo para que poidan levarse a cabo.


LISTAXE AQUÍ 👇👇👇👇👇👇



9/05/2025

Bono concilia familia

 O día 8 de setembro abre o prazo para solicitar o Bono Concilia Familia da Xunta de Galicia, destinado a financiar servizos que axudan á conciliación das familias, ata un máximo de 500€.  Vacacións escolares, campamentos, ludotecas, persoas coidadoras...

O prazo para solicitalo é de 1 mes.

Tedes toda a información, requisitos, solicitude na seguinte ligazón:

Bono Concilia Familia | Programa de Apoio a Natalidade





Calendario escolar Galicia 2025-2026

 


3/27/2025

CROSS ESCOLAR 2025

 A ANPA FORNOBEDO organiza este ano unha edición máis do Cross escolar e popular CEIPP Castrillón, o derradeiro domingo de abril. Xa imos pola XXVI edición!!!!

DATA DE CELEBRACIÓN: 27 de Abril do 2025

HORARIO: A partir das 10:00 horas.



A tal fin, queremos convidar a todo o alumando e familias a participar nas diferentes probas, atendendo ás seguintes categorías segundo a ano de nacemento.

● PITUFOS 3 anos ……………………2021

● PITUFOS 4 anos ……………………2020

● PITUFOS 5 anos …………………...2019

● PREBENXAMÍNS………………... 2017-2018

● BENXAMÍNS…………………….. 2015-2016

● ALEVÍNS………………………… 2013-2014

● INFANTÍS………………………… 2011-2012

● CADETES………………………… 2009-2010

● POPULAR………………………… 2008 e anteriores


Como ben saberedes, non só está dirixido a alumnado e familias de Castrillón senón que tamén serán invitados a participar outros colexios de Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa.

As inscricións realizaranse a través dun formulario online que vos faremos chegar. 

Cada centro ou zona terán o seu formulario propio de inscripción para facilitar o proceso de realización de dorsáis. O prazo límite de inscricións será o domingo 20 de Abril ás 20:00h.


Inscripción exclusivas do CEIPP Castrillón:  

https://forms.gle/EpeiiufFnpevT6Tq5


Inscripción exclusivas doutros centros educativos de CANGAS:   https://forms.gle/E4ZyWT4674QsYp2B6


Inscripción exclusivas de centros educativos de MOAÑA:   https://forms.gle/Rgh4hD3dewuhx6KQ7


Inscripción exclusivas de centros educativos de BUEU:   

https://forms.gle/g79QtPLez263fcC87


Inscripción exclusivas de centros educativos de VILABOA:   https://forms.gle/NwmK3LPV5YVMRM5C8


Inscripción exclusivas de CLUBES DE ATLETISMO:   

https://forms.gle/YsTj9Yn65ecaGWS88


entrega de dorsais do cole Castrillón será a través do propio alumnado e para a entrega de dorsáis doutros coles teremos 2 opcións:

- Recollida previa no Colexio Castrillón na semana do cross (última semana de abril)

- Recollida no propio día do cross antes das 10.00h. Neste caso cada centro participante deberá asignar a una persoa responsable de recoller os dorsais, nas mesas habilitadas a tal fin, antes do inicio do cross e repartilas entre os seus inscritos.

Está permitida a inscrición o mesmo día ata o comezo do mesmo, que será ás 10:00h hora límite.

orde das carreiras será a seguinte: prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, pitufos, cadetes e popular/pais/nais, na súa categoría masculina e feminina. Esta orde pode alterarse en función das condicións meteorolóxicas ou organizativas.

Ó remate das carreiras haberá entrega de premios en todas as categorías e sorteo de agasallos entre todos os participantes das probas.


Así mesmo, detallamos a continuación, as distancia e o percorrido de cada categoría.




Por último, aconsellamos vir con tempo para aparcar e dispoñerse na liña de saída das probas sen dificultade, xa que algúns dos accesos próximos ao cole estarán pechados por seguridade





Esperámosvos o día 27!!  Será unha bonita xornada!!

2/27/2025

ENTROIDO NO COLE

 Hola familias,

Deixamos a ligazón do prorama xeral do festival de entroido deste ano que se celebrará, como sempre, no pavillón co cole. 

PROGRAMA E PLANO  (preme aquí)
















2/26/2025

ENTROIDO DE COIRO

 ENTROIDO DE COIRO!!! XA NON QUEDA NADA!!


Sabemos que moitas familias xa coñecedes esta festa de anos anteriores e xa nos preguntastes cando é (nótase que vos vai a troula 😝💃) pero quizáis hay outras que non tanto polo que resumimos aquí o evento.

Todos os anos a ACF Tromentelo organiza xunto coa AC Cacarexo, Asociación de Montes de Coiro e as Anpas de Coiro e A Rúa, o tradicional percorrido de entroido polos distintos barrios de Coiro, coñecido como "Entroido do Loureiro".

Este ano será o sábado 1 de marzo e todas as familias estades convidadas.
E moi sinxelo, tan só tedes que presentarvos no cruce da Retirosa coa Rosada, en Coiro, as 17.00h.
O disfraz é libre, só se anima a utilizar vestimentas "caseiras", incluso como se facía antigamente (o refaixo da avoa, a camisa de papá, os pantalóns de pana, o bastón do avó, o mandil de mamá...). Calquera cousa que teñades pola casa serve, non fai falta mercar. Sen vergoña, que estamos en entroido e todo vale!!😆😜

O percorrido será o seguinte: saída do cruce da Retirosa (antiga tenda de Pepe), A Rosada, Devesa, Costeira, Cruceiro, Miranda, Boubeta e Castrillón, acabando no antigo colexio de Ed. Infantil (a nosa escoliña verde).

Unha vez se chega, haberá "choripan" e auga de balde para todos os participantes que fixeron o percorrido cos músicos, os que non terán opción de mercalo. Tamén haberá concurso de disfraces con premios para adulto, infantil e grupal. O xurado, camuflado no medio do desfile premiará o disfraz mais orixinal e creativo. 👀🙈

É unha festa moi animada, nada formal, á que cada ano veñen mais familias e tanto pequenos como maiores gozamos ata caer de cú.

Anímate a vir, é o noso entroido!!!


----------------------------------------------------------------------------
Ademais disto, se queres votarnos unha man...

PRECISAMOS:

Como parte organizadora e colaboradora precisamos xente voluntaria para:

- 2 persoas para asar chourizos e facer bocatas na Escoliña Verde mentres fan o percorrido (alí se xunta con outras persoas voluntarias das outras asociacións que lle poden dar as indicacións)

- 1 ou 2 persoas que repartan tikets de "bocata e bebida de balde" aos participantes, durante o primeiro tramo do traxecto para despois poder coller as consumicións.

- 1 ou 2 persoas que fagan de xurado observador. Durante o percorrido observar e fixarse nos "looks" mais orixinais e poñer en consenso coas outras peronas das asociacións designadas para este rol. Trasladar as decisións ao chegar para proceder á entrega de premios.

Se alguén se anima a colaborar en calquera destas funcións podedes comunicalo a través do telf da Anpa ou no seguinte formulario. Sería de gran axuda.

                                                        FORMULARIO


        ¡¡¡¡QUE VIVA O ENTROIDO!!!



2/21/2025

Acondicionamento do “Campo de Arriba” do noso cole

 Dende fai moito tempo un espazo verde sen moito máis que mala herba e algunhas árbores salpicadas atopábase no corazón do noso colexio. Parecía un simple recuncho natural, pero na visión de profesores, pais, nais e membros da comunidade educativa, este espazo tiña un potencial inmenso. Nestes días, ese mesmo lugar comezou a transformarse nun emocionante patio vivo onde os nosos nenos e nenas non só xogan, senón que tamén exploran, aprenden e conéctanse coa natureza dunha maneira moi especial.



O proxecto comezou cunha idea simple pero poderosa: crear unha contorna educativa que fóra máis aló das aulas tradicionais. O obxectivo era brindar ao alumnado a oportunidade de aprender e desenvolverse interactuando co medio natural, xogar mentres se promoven habilidades sociais, físicas e cognitivas. Estes elementos non só están pensados para o xogo, senón para que a cativada desenvolva habilidades motoras, coordine movementos e, sobre todo, se divírtan de maneira saudable. Este patio verde non só será un espazo de recreo, senón un lugar dinámico que fomenta a aprendizaxe ao aire libre, unha tendencia educativa que cobra vida a través destes patios dinámicos e, o mais importante, aprender xogando que é a maneira natural que teñen as infancias de formarse.



                                                                    Fotos Faro de Vigo

Co compromiso do profesorado e o apoio da Anpa, os mestres e mestras comezaron a traballar no deseño e a planificación deste espazo. En lugar dun simple terreo verde, crearíase un espazo multifuncional e educativo: un patio natural con elementos de madeira desestructurados que convidasen ao xogo creativo, que fomentasen a imaxinación, a exploración, a curiosidade e a aprendizaxe en contacto directo co medio. Despois de meses de reunións e formacións, esta semente comeza a dar os seus froitos.






Agora os profesores/as poden incorporar esta contorna como un recurso máis nas súas leccións. ¿Cómo de divertido pode ser aprender ciencias naturais in situ? Este será o lugar onde as leccións cobran vida. Estamos seguros que a partires de agora estudar a biodiversidade das plantas, os insectos, ou mesmo levar a cabo pequenas investigacións como o ciclo da auga ou crecemento vexetal será fascinante . Este enfoque práctico non só enriquece o ensino, senón que tamén motiva aos estudantes a participar activamente no seu propio proceso de aprendizaxe.




Este cambio non foi fácil e moito menos rápido, pero sí é o resultado dun traballo en equipo no que, dende a directiva da Anpa, queremos agradecer enormemente o tesón do profesorado e a colaboración da Comunidade de Montes de Coiro pola súa implicación, a doazón de toda a madeira e o gran traballo para colocar todo como estaba previsto.

Pero este é só o comezo. Aínda que xa estamos a ver como os nenos/as gozan deste cambio, todo o espazo exterior do cole irá evolucionando con novas ideas, melloras xa en mente e outras iniciativas que temos no horizonte.